Imprimir

Lentimed Medical Devices S.L., que actualmente usa a marca HGBeyond para darse a coñecer nun entorno internacional, xurde a partir dos resultados de investigación protexidos do grupo I+D Farma. Traballa no desenvolvemento dun novo material adecuado para a fabricación de lentes de contacto brandas preparadas para a liberación de compostos na superficie ocular de forma controlada e sostida no tempo. Os novos materiais, as lentes de contacto e o procedemento contan coas súas correspondente patentes para Europa, Estados Unidos e Xapón. Os promotores da proposta empresarial, socios e responsables de I+D da empresa son os profesores Ángel Concheiro Nine e Carmen Álvarez Lorenzo, mentres que Susana Torrente é a project manager. Novos materiais Os novos materiais de Lentimed están constituídos por compoñentes comúns a outras lentes de contacto. A innovación é que incorporan ciclodextrinas, compoñente empregado para outras especialidades farmacéuticas, que permiten cargar substancias nunha cantidade suficiente e cedelas en contacto coas bágoas do ollo nun proceso controlado. O proceso de incorporación destas ciclodextrinas tamén é novidoso e está especialmente deseñado para obter estes materiais. Os novos materiais xa foron testados en laboratorio e tense comprobado a súa capacidade de cargar medicamentos como diclofenaco (antiflamatorios) e miconazol (antifúnxico) e cedelos no fluído lacrimal artificial de xeito controlado durante 14 días. Ademais, comprobouse que ten a dureza axeitada para soportar o pulido para preparar lentes de contacto brandas.